Friday 17 de May de 2024

O Concello presenta a Tarifa PMUS co obxectivo de fidelizar ao usuario do transporte público


O novo sistema, que empezará a funcionar o 1 de abril, fomenta a utilización do bus urbano ao premiar o usuario habitual e motivar o resto de potenciais viaxeiros

A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, acompañada da concelleira de BarrioMariel Padín, presentou a distintas entidades e colectivos da cidade a Tarifa PMUS, un sistema de pagamento que busca fomentar o uso do transporte público urbano e que empezará a funcionar o próximo mércores, 1 de abril. A través desta nova modalidade tarifaria, “canto máis uses o bus, máis barato sáelle ao usuario”, que non terá que realizar o pagamento máximo a principios de mes, senón que aboará as súas viaxes, contabilizaranse informáticamente e o desconto será automático nos primeiros días do mes seguinte.
A nova tarifa do bus urbano axústase ás directrices marcadas no primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) da historia da cidade, que ten entre os seus principais obxectivos reducir a utilización do vehículo privado e fomentar a mobilidade peonil, a bicicleta e o transporte público. “Traballamos para pasar das 75.000 viaxes diarias que agora se realizan en bus aos 126.000 ao día en 2024, o que supón un incremento do 68% “, engadiu.
“A Tarifa PMUS é un sistema de aboamento vinculado ao uso do transporte en autobús urbano, dirixido especialmente aos usuarios da tarxeta Millennium, con tarifa xeral e con tarifa social. Canto máis use o bus urbano, máis barato sairalle ao usuario. A decisión adoptada é intelixente e viable, ten forte orientación e enfoque usuario, que é como se debe traballar. A este sistema súmanse as vantaxes das tarifas vixentes, que xa son competitivas, pero quérese fidelizar e premiar o usuario, dándolle unha bonificación suplementaria e motivar o resto de usuarios”, explicou a concelleira de Mobilidade.
“Ningún usuario da Millennium General pagará máis de 37,40 euros ao mes, é dicir, que a partir de 44 viaxes o resto realizados serán gratis; e ningún usuario de tarifas sociais pagará máis de 23,10 euros ao mes, é dicir, que a partir de 70 viaxes o resto serán gratis. En todos os casos, os aboamentos correspondentes ás bonificacións se efectuarán nos 5 primeiros días hábiles do mes seguinte na tarxeta, destacou Begoña Freire.
Así, se un usuario realiza nun mes 80 viaxes coa Millennium General, o custo máximo será de 37,40 euros, realizándoselle un aboamento na súa tarxeta no mes seguinte de 30,60 euros; mentres que se o usuario utiliza a tarifa social, o custo máximo desas 80 viaxes serán 23,1 euros, realizándoselle un aboamento na súa tarxeta no mes seguinte de 3,30 euros.
Esta tarifa con custo máximo mensual empezará a funcionar o 1 de abril e trátase dun sistema máis vantaxoso que unha tarifa plana, pois non require un pagamento adiantado a principios de cada mes. Coa Tarifa PMUS non é necesario pagar un aboamento previo nin completo, como acontece coas tarifas planas convencionais, senón que vaise recargando a tarxeta e váiselle aboando o aforro nesta. “É un sistema amable e flexible, beneficia automaticamente ao usuario máis fiel, e motiva o usuario ocasional dado que non ten que pagar importes que non sabe se consumirá”, destacou Freire.
• “Esta tarifa de pagamento máximo mensual beneficiará de forma especial aos usuarios titulares de tarxeta con descontos sociais, dado que por moitas viaxes que fagan nunca pagarán máis de 23,10 euros. Dábase o paradoxo de que había usuarios con tarifa social que en cambio gastaban case 40 euros ao mes en autobús. Desta forma, evítase este pagamento e cumprimos, ademais, cun obxectivo social. Este novo sistema evítao e é unha medida moi transversal, dado que ademais de fomentar o transporte público dende o punto de vista da Mobilidade Sostible tamén cumpre obxectivos sociais,” afirmou Begoña Freire, quen destacou que non é o usuario quen se ten que adaptar ao modelo tarifario, senón que é este quen se adapta ao usuario coruñés”.
A concelleira de Mobilidade recordou que esta nova tarifa que premia a fidelización do usuario do bus urbano, captará novos usuarios e se suma a outras iniciativas e proxectos desenvolvidos durante este mandato para fomentar a utilización do transporte público:
. Atención a novos ámbitos na rede de bus urbano, como Joaquín Planells, rolda de Monte Alto e Matogrande. Mellora de conexión dalgunhas liñas de bus ao Hospital Abente e Casa do Mar.
. Estase a xestionar a mellora do servizo de transporte público para os polígonos industriais de Pocomaco e A Grela.
. Conxelación do prezo de bus urbano en todas as súas modalidades para 2015, é dicir, que se manteñen as tarifas que existían en 2014 para o bonobús xeral, social e universitario e para o billete ordinario.
. Froito do diálogo, a Compañía de Tranvías asumiu 16 millóns de euros dende 2012 ata o final da concesión (a empresa asumiu 1 millón de euros en 2012 e outro millón en 2013, mentres que os outros 14 millóns saen da negociación de 2014, que partiu de 1,27 euros e non de 1,31 como correspondería aplicando os termos do contrato asinado en 1986).
. Mellora da accesibilidade en paradas, estratexia de dotación de postes electrónicos en execución e de buses lanzadeira durante eventos.
. Estase a xestionar a incorporación de Calidade Integrada -Plan de Calidade- na xestión da rede, que é necesaria para acometer profundos cambios.
. Estase a xestionar unha nova Tarjeta Millennium Plus, máis universal e compatible con outros servizos de transporte público, e cunha tecnoloxía máis avanzada que é necesario coordinar e asegurar moito en canto a criterios de excelencia.
. A posta en escena de novas vías de penetración na cidade, que reordenan tráficos internos (como a Terceira Rolda ou futuras infraestruturas como a Cuarta Ronda e o Vial 18).
. Os importantes cambios na mobilidade coa reurbanización de La Marina e nos accesos a Monte Alto e Durmideiras a través dun paso subterráneo directo que retira o vehículo privado da superficie.
. A peatonalización da Cidade Vella, despois de 35 anos de declararse BIC, coidando o transporte público do seu perímetro; e o calmado de tráfico no viario interior da zona urbana.
. Novos aparcadoiros (o do Materno, por exemplo, posibilitará a creación do carril-bici metropolitano pola avenida da Pasaxe) e a estratexia de parkings disuasorios (Lonzas).
. Ascensores e escaleiras mecánicas; así como máis bicis,aparcabicis, motos e aparcamotos.